20 de feb. de 2015

Tanto por facer...

Andamos desbordad@s de traballo... seguimos recollendo aportacións para a exposición sobre o cómic. Se tedes algún material interesante, non vos esquezades de achegalo.
Este ano convocouse por primeira vez un concurso de disfraces literarios polo Entroido. Non se pode dicir que non teñades variedade para elixir: hai moitos personaxes de papel como referentes para caracterizarvos.

 Ademais, logo vén o día de Rosalía, que volveremos conmemorar facendo caligramas cos seus versos.

28 de xan. de 2015

Cómic ou banda deseñada?

Ou novela gráfica ou narración secuencial...
O caso é contar historias mesturando a palabra e a imaxe.
O venres día 30, aproveitando a presenza no noso centro de Jano para realizar un obradoiro sobre este formato mixto, comezamos a recoller materiais para facer unha exposición de cómic/banda deseñanda/novela gráfica na biblioteca.
Non vos esquezades de vila ver e botarlle un ollo ás vosas seguintes lecturas...
Por certo, de Jano temos as dúas obriñas que vedes nas imaxes.



13 de xan. de 2015

12 de xan. de 2015

Lecturas, sempre lecturas

A biblioteca do IES de Quiroga elaborou antes de Nadal un boletín informativo no que se recollía información sobre as últimas adquisicións, actividades de dinamización en activo este curso e numerosas propostas de lectura para ese tempo festivo.
En breve poderedes consultalo tamén dende aquí.
Hoxe recomendámosvos que botedes un ollo ás palabras de Carlos Negro nunha entrevista na que fala da súa última obra, Penúltimas tendencias.

5 de dec. de 2014

Canto hai que facer nos corredores, e nós con presa!

O vindeiro martes unha das nosas alumnas, Emily González Gallego, recollerá en Lugo o primeiro premio do concurso de redaccións promovidas no marco do programa "Mariñeiros por un día": moi pronto poderedes ler aquí esa historia.
Mafalda segue facendo das súas, onda conserxería (por certo, xa hai gañadores/as das primeiras "probas").
"Son noticia" séguese actualizando nos distintos recreos. Isto é xornalismo a pé de verdade!
Sempre podedes buscar información para identificar ás atletas do mural "Dalles nome tamén" nas miñas instalacións, hum hummm.
O mural que conmemora o 25-N aínda espera as aportacións dalgúns e dalgunhas de vós... e xa está medrando outro sobre os dereitos humáns...
Ai! Quen fora parede para estar sempre rodeada de rapazada...

19 de nov. de 2014

De cando Carlos Negro trouxo a maxia da palabra...

Estas imaxes son do pasado xoves, do obradoiro de poesía e do recital poético que tiveron lugar nesta biblioteca, grazas á presenza de Carlos Negro:





16 de nov. de 2014

Xorde unha páxina por escribir no mundo dos libros

Ola! Benvidos e benvidas!
Dende este pequeno recuncho da rede comeza a emisión informativa da biblioteca do IES de Quiroga.
Non deixedes de seguirnos polo universo das letras, navegantes lectores!
O xoves 13 tivemos a sorte de contar con Carlos Negro para realizar un obradoiro poético e, por suposto, tamén houbo un recital de poesía, no que deixaron de ser inéditas algunhas das creacións feitas, como tiña que ser!










Este mes deron comezo as nosas actividades "Son noticia" e "Mafalda. Creación e investigación". Xa vos iremos contando...

E preparádevos para o que pode vir: están ao caer o concurso para dar nome a esta biblioteca, e o concurso para aportar ideas e facer dela o que sempre quixemos que fora!