Aínda que non sexa unha novidade, xa que leva tempo na nosa biblioteca, traemos hoxe aquí un clásico da literatura portuguesa, "Contos da montaña". Unha compilación de relatos breves de Miguel Torga, autor portugués do século pasado, publicada alá polo 1941.
Nestes relatos o autor amosa de forma directa e sen concesións a vida naquela época na rexión de Tras-os-Montes, fronteiriza con Galicia. Vemos unha vida dura, na que a xente busca a felicidade, aínda que ás veces as circunstancias, ás veces a pobreza, e outras, o carácter das persoas, poñen serios atrancos ós seus obxectivos.
A obra foi censurada no seu momento, xa que á ditadura salazarista non lle debía de parecer ben que se contara que non todos os seus cidadáns levaban vidas prosperas e felices acordes coa propaganda do rexime. Esta censura xa non era a primeira da súa carreira como escritor, e incluso pasara xa algúns meses no cárcere por motivos políticos. Desta vez, ata a súa muller foi expulsada do seu traballo como profesora. Tiveron que pasar máis de trinta anos, ata a Revolución dos Cravos, para que Miguel Torga fose debidamente recoñecido e rehabilitado.
Pero esa xa é outra historia e se queredes aprender máis dela, podedes consultar as ligazóns que foron quedando pola reseña adiante. Mentres tanto, disfrutade da viaxe no tempo que propón esta obra a través das vidas dos seus protagonistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario