Nesta entrada non imos falar dun libro. Ou, para ser exactos, non dun só libro, senón do autor de varios deles, Jimmy Liao. Este autor taiwanés, do que temos varios títulos na nosa biblioteca, naceu en 1958 na capital do país, Taipei.
Despois de licenciarse en Belas Artes, estivo traballando con éxito no campo da publicidade durante doce anos, ata que enfermou de leucemia e, tras superar esta enfermidade, decidiu dar un xiro á súa carreira profesional e adicarse por completo ó mundo da ilustración e a literatura.
Nas súas obras, moitas veces parecemos observar a realidade a través dos ollos dun neno, aínda que delas podemos extraer moitos temas relativos ós sentimentos das persoas e, en algunha delas como "La piedra azul", ata os sentimentos dunha pedra. Outro dos seus libros na nosa biblioteca é "No soy perfecta", onde unha nena chamada Perfecta nos vai contando os inconvenientes da perfección e os problemas que nos pode chegar a traer. E para que non falte de nada, tamén podemos ler a peculiar historia historia de (des)amor que nos conta en "Desencuentros".
Para rematar, recomendarvos que busquedes algunha das moitas animacións que se teñen feito sobre as súas obras. Como exemplo, deixámosvos aquí a correspondente ó cuarto dos títulos deste autor que temos na biblioteca, "El pez que sonreía", outra mostra máis da beleza e delicadeza que transmiten as imaxes que crea este autor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario