5 de xuño de 2026

Ficha 8 do Quérote +: Hoxe damos a clase nós

Esta semana puxemos o broche final ao programa Quérote+ coa actividade “Hoxe damos a clase nós”, unha proposta que permitiu ao alumnado de 3º da ESO converterse en protagonista e transmisor dos coñecementos adquiridos ao longo do curso.

O principal obxectivo desta sesión foi consolidar as aprendizaxes traballadas nas diferentes fichas do programa, favorecendo a reflexión sobre a importancia de comunicar información de maneira clara, respectuosa e axeitada aos iguais. Ademais, buscouse potenciar a confianza do alumnado, a súa capacidade de expresión oral e o seu papel como referente positivo dentro da comunidade educativa.

Para iso, organizados en parellas ou tríos, os estudantes prepararon presentacións dixitais sobre distintos temas abordados durante o programa. Posteriormente, compartiron estes contidos co alumnado de 2º da ESO, exercendo por un día como docentes e trasladando aos seus compañeiros e compañeiras os coñecementos e reflexións adquiridos.

A experiencia resultou moi enriquecedora para todos os participantes. O alumnado implicouse na elaboración de materiais creativos e atractivos, empregando diferentes ferramentas dixitais e demostrando unha gran capacidade para comunicar ideas de interese para os seus iguais. Esta actividade permitiu, ademais, reforzar a aprendizaxe entre compañeiros e compañeiras, fomentando a participación activa e o intercambio de experiencias dentro do centro educativo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario