Dous irmáns siameses nun único corpo, un xefe indio, un neno artificial de douscentos anos de idade construído por un peculiar científico, un neno que só é mudo os martes, e así poderiamos seguir contando ata completar o curioso censo de habitantes forzosos de Sanatoria, un manicomio para nenos peculiares ó que podemos botar un ollo grazas ó seu autor, Francesc Grimalt, que ademais da historia nos ofrece unhas fermosas ilustracións ó longo das escasas sesenta páxinas que forman este conto. Un lugar que, para completar a súa peculiaridade, está ó cargo do non menos curioso psiquiatra Pío Carcasa, que ben podería formar parte da súa involuntaria clientela.
É este un libro curioso, que tanto pode ser considerado xuvenil como adulto. Todo depende do nivel de profundidade que queiramos acadar na súa lectura, que pode ir desde o simple decurso da historia ata unha análise máis detallada de multitude de detalles que van quedando entre liñas. En resumo, unha proposta pouco habitual, aínda que moi interesante e que acaba de chegar á nosa biblioteca, onde xa está á vosa disposición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario