6 de feb. de 2017

Somos de cómic, de novo

Aquí está unha imaxe da nosa visita á exposición "BDG70: a revolta do cómic galego", da que nunsdías poderedes ler unha reseña en Escola de Prensa. Como podedes ver, o noso guía foi Manel Cráneo!!!

Este ano ao debuxante convidado para conmemorar o Día da Ilustración é Xosé Tomás, que estará mañá no noso centro, para dar unha charla e un obradoiro ao noso alumnado. Xa vos contaremos...
Houbo que adiar un pouco a data prevista inicialmente (o día 30 de xaneiro), pero a actividade promete. Xosé Tomás non só ilustra textos de outros autores/as, ten obras propias. Estas son as portadas dalgunhas delas.



9 de xan. de 2017

Representación teatral para rematar o Ano Manuel María

Rematar o ano cunha versión teatralizada dos Sonetos ao Val de Quiroga, de Manuel María era o tal despois de toda a xeira que se desenvolveu no noso instituto ao redor da figura do autor homenaxeado no 2016 co Día das Letras. A posibilidade chegou da man dun grupiño de afeccionados.
 Aquí os tedes nun momento da representación, descansando da andaina polo Val e ollando a paisaxe mentres recitaban as composicións poéticas que falaban deses lugares...
Por certo, este é o enlace para ver o biblioletín deste trimestre: cheíño de propostas e cunha pequena reportaxe sobre a relación entre a música e a literatura.

21 de dec. de 2016

Que pasou por aquí no neste trimestre?

A finais de outubro, cando celebramos o Día das Bibliotecas cun concerto de Mini e Mero (tamén foron entrevistados polo alumnado pertencente ao Club de Lectura), montouse a exposición de Valle-Inclán (e aínda está a adicada a Agustín Fernández Paz, por suposto!).
Foise actualizando o mural "Son noticia" coas novas que houbo en relación coa literatura e as artes, colaborouse na elaboración do mural para o 25 de novembro, facendo ademais unha pequena listaxe de obras recomendables; o noso alumnado de 3º e 4º da ESO, presentouse nun vídeo para participar no programa "Escola de prensa", promovido por "El Progreso". 
E, hoxe, para rematar o ano adicado a Manuel María, houbo unha representación teatral a partir da dramatización da súa obra Sonetos ao Val de Quiroga, por parte dun grupo de teatro afeccionado da zona.
Aquí fican algunhas imaxes de todo isto:
Alumnado que forma a equipa "O eco do val"



27 de out. de 2016

Intenso xoves de letras

Hoxe tivo lugar a entrega de premios ao alumnado gañador das Quinielas Lectoras (que por certo, estará convidado a asistir á proxima excursión do Club de Lectura a Outeiro de Rei) e aos alumnos/as que retiraron un maior número de libros desta biblioteca en préstamo (no curso 2015-2016). 
As autoras da imaxe de Castelao que agora loce nunha das portas da planta baixa, tamén obtiveron hoxe un novo recoñecemento: asinaron a súa obra, ao igual que a persoa que a coordinou, Patxi Jaureguízar. 
Estamos desexando saber cal vai ser a súa seguinte contribución nos espazos comúns do centro!!!!
E falando de presenzas literarias nos nosos corredores: Valle-Inclán comeza mañá a deixarse ver en múltiples imaxes na parede situada enfronte da biblioteca. A conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento é só a excusa para recrear esa figura que tan ben coñecemos tod@s.
A nova de que Pablo Auladell é o novo Premio Nacional de Cómic, non nos colleu sen saber quen é: entre os nosos fondos contamos con dúas obras ilustradas por el. Aquí vos quedan as portadas correspondentes.



18 de out. de 2016

Máis novas de biblioquiroga

Pois si. Vai dando ben que dicir este outono na nosa biblioteca: andamos a facer unha actividade en relación co Día das Escritoras, conmemoración que a Biblioteca Nacional promoveu este ano por primeira vez. Nós como sempre imos un pouco apurad@s de tempo, e por iso tedes toda a semana para achegarvos ao corredor da planta baixa, enfronte da biblioteca, para escribir na cartolina o nome dalgunha escritora coñecida. Non vale repetir... así que, a ler todos os nomes que xa hai..
E si, esta proposta fica xusto a carón do mural de caligramas de Rosalía, onde mellor!

O EDNL vén de convocar un concurso de relato curto de misterio co gallo do Samaín (e outro de decoración de cabazas). Acordádevos que o prazo máximo para a entrega é o 28 de outubro.
Outra cousiña máis: ide buscando tempo para curiosar O Papagaio...

3 de out. de 2016

Un bo comezo

Este ano comezamos o curso ao grande: coa entrega de premios ao alumnado que máis libros levou en préstamo ao longo do curso 2015-2016 (Emily González, Luís Arias e Sabela Durán) e tamén para os gañadores/as das Quinielas Lectoras do curso pasado. Para saber quen foron estes últimos, achegádevos ao taboleiro "Son noticia" do instituto: alí poderedes ver a resolución das enigmáticas Quinielas e os formularios con maior número de acertos, onde aparecen os nomes dos  e das participantes. En canto haxa data de entrega dos galardóns, xa avisamos.
Xa vos anticipo que a cousa andivo moi igualada, por iso hai un dobre primeiro premio, e un dobre segundo premio. Noraboa!!!
En breve comezaremos a proporvos novas actividades. Estade atent@s...

8 de ago. de 2016

O lugar ao que levan todos os camiños estes días

Aviso urxente a navegantes no mar das letras estivais e a amantes de calquera formato que combina imaxe e texto:

Este ano estarán na Coruña Rubén Pellejero (E, Juan Díaz Canales (Blacksad) e Xosé Tomás (Nómades), entre outros/as debuxantes.
Moi recomendables tamén as exposicións que asulagan a cidade con personaxes de cómic e novela gráfica...