15 dic 2015

Nadal de lecturas

Queridos lectores e lectoras, usuarios/as e devoradores/as de libros e outros formatos de lectura:
Lembrade que está aberto o prazo para recoller os préstamos de Nadal...
... e que hai materiais novos, recén chegados a Biblioquiroga!
No biblioletín que podedes atopar na páxina web hai moitas novidades e propostas de lecturas, se non tiñades xa decidido que levar estes días. Moi recomendable tamén a proposta documental: o cambio climático.
Desexámosvos boas lecturas e milleiros de páxinas de felidade!

1 dic 2015

Loito nas letras galegas

A pasada semana a cultura galega perdeu dous grandes: o venres morría en Gres, Vila de Cruces, o escritor Xosé Neira Vilas, pai de Balbino, aquel neno de aldea que encheu os corazóns de tantos galegos de fonda tenrura en Memorias dun neno labrego; o sábado, Xosé Chao Rego, teólogo e ensaísta, autor de numerosas obras referidas a distintos aspectos da sociedade galega contemporánea, seguíalle no camiño a eternidade, neste caso dende Santiago de Compostela.



Sempre nos quedarán as súas obras e o recordo da súa incansable laboura a prol da cultura galega.
No que se refire a Xosé Neira Vilas, a RAG acaba de facer público un artigo póstumo no que relata algúns detalles da súa tarefa de editor (foi o fundador da editorial Follas Novas).

25 nov 2015

Todo é pouco para Manuel

Último aviso a artistas un pouco lacazáns e perfeccionistas:
O prazo para entregar os debuxos correspondentes aos poemas de Sonetos ao Val de Quiroga rematou, e hoxe o tribunal fará a selección dos que van ir ilustrando esas composicións. Moita sorte a todas e todos e moitas grazas por participar!
Con respecto aos textos -poéticos ou non- para participar no libro colectivo homenaxe a Manuel María, tamén está a piques de rematar: debedes entregalos como máis tardar o venres 27. Lembrade que tedes que citar o par de versos do poeta (na súa versión orixinal) que vos serviron de inspiración para a composición.


28 oct 2015

Foi, foi

Un concertazo, si. Tanto Sés como Tito Calviño na guitarra, estiveron xeniais (dende aquí agradecémosllo aos dous, e a Iván Sanjurjo, que o fixo todo moi doado).
Ademais houbo tempo para fotos e autógrafos, e mesmo para unha pequena entrevista da man de alumnado do Club de Lectura. 
Dúas alumnas de 1º da ESO (Lucía Álvarez e Nerea Lemos), elaboraron esta presentación sobre Sés:
Chámase María Xosé Silvar, aínda que é coñecida como "Sés". Naceu na Coruña en 1983. Estudou Filoloxía e Antropoloxía Social. Formou un grupo (Chámalle Xis!) en 2007 e dende entón dedícase á música. É unha cantautora galega con tres discos publicados: Admirando a condición (2011), Co xenio destrozado (2013) e Tronzar os valos (2015). 

Sés, ou mundo visto dende a música e a paixón

23 oct 2015

Imos tronzar os valos

Este ano, para conmemorar o Día das Bibliotecas, o IES de Quiroga comprácese en presentar a Sés e Tito Claviño o mércores 28, ás 12:30, no salón de actos: concertazoooo!
Estades todos e todas convidad@s: ademais de ser unha actividade para todo o alumnado do centro, tamén se abren as portas para os membros da comunidade educativa que queiran vir.

Colaboran coa biblioteca escolar para este evento, o EDNL e o Departamento de Música.

Vaia festaza nos espera! No vola perdades!

8 oct 2015

Actividade sorpresa!

Atención!!! Mañá, venres 9 teremos a ocasión de ver en directo, na nosa biblioteca, ao poeta galego Elías Portela, que virá facer un recital poético para o alumnado de BAC. Este autor e tradutor non só escribe en galego: tamén o fai en islandés, e nese caso emprega o pseudónimo de Elías Knörr. É unha sorte poder concretar a súa visita antes de que regrese á illa nórdica!

O seu último poemario, Bazar de traidores, recibiu o XII Premio de Poesía A Fundación. Na biblioteca poderedes atopar obras súas como Os peitos desenchufados ou Imaxes na pel. Aquí vos queda o enlace ao seu Cuestionario Proust.

2 oct 2015

De novo en activo

Despois dos meses de verán, a nosa biblioteca reiniciou a súa actividade, mantendo as propostas dos últimos anos: Hora de Ler, Banco de Libros, organización de exposicións...

Ademais hai unha gran novidade: estamos traballando en colaboración coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos e os dous CEIPs da comarca na reedición dos Sonetos ao Val de Quiroga. Este poemario do autor da Terra Chá estaba esgotado e deste xeito poderémolo poñer de novo na man non só do noso alumnado, senón tamén de todos e todas. Polo de agora podedes botarlle un ollo ás composicións que o integran nunha copia dixital que manexamos como material de referencia. Podedes acceder a ela clicando no título da obra.

Xa vos iremos contando... :-)

5 jul 2015

Só 365 días?

Manuel María será o autor homenaxeado no Día das Letras o vindeiro ano.
Este escritor chairego deixounos aos galegos e galegas unha obra de calidade que ollaba sempre para o pobo. Os seus versos e o seu compromiso coa lingua e a cultura de Galicia merecen moito máis que un ano de recoñecemento á súa obra, pero por algo se empeza.


22 jun 2015

Non morreron de éxito, pero case

Os libros máis lidos este ano nesta biblioteca escolar foron: Barro de Medellín, El niño con el pijama de rayas, O pazo baleiro, Aya de Yopougon, Maus, Canto petan na porta pola noite e Durmido sobre os espellos.
Se aínda non os lestes, aproveitade para facelo no verán, son todos eles moi recomendables.
Por suposto, as novidades e as propostas de verán que están recollidas no boletín da biblioteca, tamén son apetitosas para os lectores e lectoras... non deixedes de degustar algunha...

4 jun 2015

... maio de letras, ata xuño polo menos!

E de moito máis que letras.
Neste mes houbo varias entregas de premios. Aqui vos deixamos as imaxes das últimas gañadoras de "Mafalda no noso IES" (convocado pola biblioteca) e dos gañadores do concurso de relato de medo (convocado polo ENDL). Parabéns a todos e todas, é un pracer tervos entre nós!









Continuando coas actividades conmemorativas en relación cos libros e o acto mesmo de ler, a semana do 18 ao 22 de maio houbo na biblioteca recitados poéticos e teatralizacións en distintas linguas, coa proposta "Lecturas compartidas". Moitas grazas a todos/as que participastes lendo ou preparando materiais e fixestes posible esta actividade. Mirade, mirade:
Lectura en lingua francesa

Poema de Günter Grass

13 may 2015

...maio de letras.

Agora andamos enchendo árbores coas propostas lectoras dos membros da comunidade educativa do noso IES. Aquí podedes ver como vai indo a cousa...


26 abr 2015

Abril de libros...

Este ano conmemoramos o Día do Libro e o Día das Letras no IES de Quiroga cunha sucesión de actividades, sendo a primeira delas a exposición "Libros para ver": a nosa biblioteca quedou decorada como podedes ver nestas imaxes:





19 abr 2015

Deixan un camiño de palabras...

Eduardo Galeano e Günter Grass deixaron de escribir estes días.
Dous xenios da palabra, cada un ao seu xeito. Non esquezades ler unhas páxinas deles na súa memoria, en canto atopedes un oco.

"La justicia es como las serpientes,
solo muerde a los descalzos" (E. Galeano)
Eduardo Galeano naceu nunha familia de clase alta, con ascendencia en varios países tan dispares como Italia, España, Gales ou Alemaña. En vez de levar o que sería unha previsible vida acomodada, traballou desde moi novo en oficios variados como obreiro de fábrica, debuxante, pintor, mensaxeiro, mecanógrafo ou caixeiro de banco, ata rematar no xornalismo, profesión coa que seguiría toda a súa vida.
Dende aquí, recomendámosvos:
"El libro de los abrazos", deste lúcido ensaísta uruguaio, do que non se debe esquecer tampouco unha das súas grandes paixóns, o fútbol, do que era gran aficionado en xeral, e do Nacional de Montevideo (un dos dous grandes equipos uruguaios) en particular.
E tamén este artigo de El País, onde se recollen algúns dos seus pensamentos.

Por outra banda, Günter Grass pasará a historia como autor, entre moitas outras obras (máis información sobre a súa obra, aquí), de "O tambor de folla de lata", novela na que a través dos ollos dun neno se nos vai contando unha época da historia de Alemaña marcada por dous acontecementos de gran importancia: o ascenso e consolidación do nazismo e a Segunda Guerra Mundial. Neste enlace podedes ler o inicio da novela.
Ademais da súa obra literaria, co paso dos anos Günter Grass foise convertendo nun persoa polémica en Alemaña. Non tivo pelos na lingua á hora de opinar, e non escapaba de ningún tema, por delicado que este fose. Como mostra, queda aquí este artigo, tamen de El País.

13 abr 2015

A historia tamén é das mulleres

Hoxe, dentro das actividades incluidas dentro do proxecta 'Donas de si', tivemos o pracer de contar coa presenza de Aurora Marco, autora de diversas investigacións no ámbito da lingua e da literatura, que nos visitou para presentarnos o documental "As silenciadas", baseada na súa obra Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Despois da proxección parcial do documental, houbo un coloquio no que o alumnado de BAC aproveitou para facer preguntas e comentarios con respecto á obra.












Recordámosvos que esta longametraxe está á vosa disposición na biblioteca do centro entre os materiais de préstamo e que podedes atopar, na sección de consulta, o Diccionario de mulleres galegas, outra obra súa.

12 abr 2015

Jimmy Liao

Nesta entrada non imos falar dun libro. Ou, para ser exactos, non dun só libro, senón do autor de varios deles, Jimmy Liao. Este autor taiwanés, do que temos varios títulos na nosa biblioteca, naceu en 1958 na capital do país, Taipei.
Despois de licenciarse en Belas Artes, estivo traballando con éxito no campo da publicidade durante doce anos, ata que enfermou de leucemia e, tras superar esta enfermidade, decidiu dar un xiro á súa carreira profesional e adicarse por completo ó mundo da ilustración e a literatura. Nas súas obras, moitas veces parecemos observar a realidade a través dos ollos dun neno, aínda que delas podemos extraer moitos temas relativos ós sentimentos das persoas e, en algunha delas como "La piedra azul", ata os sentimentos dunha pedra. Outro dos seus libros na nosa biblioteca é "No soy perfecta", onde unha nena chamada Perfecta nos vai contando os inconvenientes da perfección e os problemas que nos pode chegar a traer. E para que non falte de nada, tamén podemos ler a peculiar historia historia de (des)amor que nos conta en "Desencuentros". Para rematar, recomendarvos que busquedes algunha das moitas animacións que se teñen feito sobre as súas obras. Como exemplo, deixámosvos aquí a correspondente ó cuarto dos títulos deste autor que temos na biblioteca, "El pez que sonreía", outra mostra máis da beleza e delicadeza que transmiten as imaxes que crea este autor.

2 abr 2015

Contos da montaña

Aínda que non sexa unha novidade, xa que leva tempo na nosa biblioteca, traemos hoxe aquí un clásico da literatura portuguesa, "Contos da montaña". Unha compilación de relatos breves de Miguel Torga, autor portugués do século pasado, publicada alá polo 1941.
Nestes relatos o autor amosa de forma directa e sen concesións a vida naquela época na rexión de Tras-os-Montes, fronteiriza con Galicia. Vemos unha vida dura, na que a xente busca a felicidade, aínda que ás veces as circunstancias, ás veces a pobreza, e outras, o carácter das persoas, poñen serios atrancos ós seus obxectivos. A obra foi censurada no seu momento, xa que á ditadura salazarista non lle debía de parecer ben que se contara que non todos os seus cidadáns levaban vidas prosperas e felices acordes coa propaganda do rexime. Esta censura xa non era a primeira da súa carreira como escritor, e incluso pasara xa algúns meses no cárcere por motivos políticos. Desta vez, ata a súa muller foi expulsada do seu traballo como profesora. Tiveron que pasar máis de trinta anos, ata a Revolución dos Cravos, para que Miguel Torga fose debidamente recoñecido e rehabilitado.
Pero esa xa é outra historia e se queredes aprender máis dela, podedes consultar as ligazóns que foron quedando pola reseña adiante. Mentres tanto, disfrutade da viaxe no tempo que propón esta obra a través das vidas dos seus protagonistas.

Miss Ourense

Traemos aquí un libro que non ten case nada que ver cos concursos de beleza. Digo case nada porque o título do mesmo corresponde co dun dos catro relatos policíacos que o forman e no que aparece como persoaxe unha aspirante á coroa da beleza da cidade das Burgas.
Estes catro relatos, que se poden ler de forma independente, teñen un elemento común que é o seu protagonista: Gumersindo Nespereira, un policía que non aspira a cambiar o mundo, pero si a facelo algo máis xusto, sempre dentro das súas posibilidades. Ó longo dos catro relatos podemos seguir as andanzas deste policía polo Ourense dos anos 60 e inicios dos 70, mentres de fondo imos vendo un excelente retrato da época no que, ademais da sociedade do franquismo, se tocan temas tan variados como a emigración, a corrupción asociada ó urbanismo nas cidades, ou referencias a escándalos como foi o do envelenamento de licores con alcol metílico.
Todo isto é o que nos propuxo fai vinte anos o seu autor, Bieito Iglesias, sen renunciar á esencia da novela negra, onde unha cousa é o ben e o mal, e outra é o que as leis consideran como tales é que, ás veces, acaban atopando a solución do sentido común de mans do inspector Nespereira, que o mesmo resolve asasinatos que axuda a destapar fraudes usando métodos que non sempre van por vías estritamente legais.
Un libro que, a bo seguro, nos fará pasar un rato agradable e entretido, e que xa está dispoñible na nosa biblioteca.

22 mar 2015

El último yeyé

1974. Ruperto é un mozo que, como moitos outros da época, non ve futuro en España e decide facer as maletas para emigrar ó estranxeiro (pensándoo ben, poñendo 2015 en vez de 1974 tamén podería valer).
A diferenza con outros moitos dos emigrantes da época é que Ruperto é un yeyé, e ademais de buscar un traballo, que pronto veremos que non é a súa maior ansia, necesita aire fresco para o seu espírito libre. Nesta novela gráfica de Fernando González Viñas e José Lázaro iremos acompañando a Ruperto na súa viaxe pola Alemaña da época, vendo a diferenza entre as sociedades española e xermana, as súas peripecias como mente inqueda, a súa estrañeza pola responsabilidade que amosan os alemáns, e o gusto polas mozas do país, entre as cales ten un sorprendente éxito.
E mención aparte, aínda que non por iso menos importante, de feito é fundamental, a música. Música da época que imos vendo ó longo de toda a novela, tanto música española como a que soaba por Europa adiante en aquel ano. Tan importante é a música, que ata veremos a Ruperto formando un grupo musical propio en compañía de outros emigrantes, "Los Mantas".
En resumo: trátase dunha novela divertida, entretida de ler, e con bastante contido de fondo que permite unha segunda lectura máis profunda da que podemos tirar moitos temas de conversa. Esta novela gráfica xa está á vosa disposición na nosa biblioteca, onde tamén temos un exclusivo cd recopilatorio coas cancións que aparecen na mesma.
E de regalo, unha das cancións, a gañadora do festival de Eurovisión de aquel ano. Aquí tedes o vídeo de aquel momento, que tamén aparece na novela:

20 mar 2015

Sanatoria. Historia dos nenos raros

Dous irmáns siameses nun único corpo, un xefe indio, un neno artificial de douscentos anos de idade construído por un peculiar científico, un neno que só é mudo os martes, e así poderiamos seguir contando ata completar o curioso censo de habitantes forzosos de Sanatoria, un manicomio para nenos peculiares ó que podemos botar un ollo grazas ó seu autor, Francesc Grimalt, que ademais da historia nos ofrece unhas fermosas ilustracións ó longo das escasas sesenta páxinas que forman este conto. Un lugar que, para completar a súa peculiaridade, está ó cargo do non menos curioso psiquiatra Pío Carcasa, que ben podería formar parte da súa involuntaria clientela.
É este un libro curioso, que tanto pode ser considerado xuvenil como adulto. Todo depende do nivel de profundidade que queiramos acadar na súa lectura, que pode ir desde o simple decurso da historia ata unha análise máis detallada de multitude de detalles que van quedando entre liñas. En resumo, unha proposta pouco habitual, aínda que moi interesante e que acaba de chegar á nosa biblioteca, onde xa está á vosa disposición.

18 mar 2015

Novas da biblioteca

O xoves e o venres pasado tiveron lugar as xornadas do PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares) en Santiago e aló enviamos representación por primeiro ano.
A cantidade de propostas que houbo nesas xuntanzas foi impresionante, e tiraremos moito partido delas.
Nós tamén imos poñendo pouco a pouco a andar esta modesta biblioteca escolar. Seguimos recollendo materiais para a exposición de cómic e estamos preparando os seguintes boletíns da biblioteca.
O último que fixemos foi montar unha exposición documental en relación co Día da Muller Traballadora, o 8 de marzo, coa colaboración das compañeiras de Donas de si, como podedes ver nesta imaxe:


20 feb 2015

Tanto por facer...

Andamos desbordad@s de traballo... seguimos recollendo aportacións para a exposición sobre o cómic. Se tedes algún material interesante, non vos esquezades de achegalo.
Este ano convocouse por primeira vez un concurso de disfraces literarios polo Entroido. Non se pode dicir que non teñades variedade para elixir: hai moitos personaxes de papel como referentes para caracterizarvos.

 Ademais, logo vén o día de Rosalía, que volveremos conmemorar facendo caligramas cos seus versos.

28 ene 2015

Cómic ou banda deseñada?

Ou novela gráfica ou narración secuencial...
O caso é contar historias mesturando a palabra e a imaxe.
O venres día 30, aproveitando a presenza no noso centro de Jano para realizar un obradoiro sobre este formato mixto, comezamos a recoller materiais para facer unha exposición de cómic/banda deseñanda/novela gráfica na biblioteca.
Non vos esquezades de vila ver e botarlle un ollo ás vosas seguintes lecturas...
Por certo, de Jano temos as dúas obriñas que vedes nas imaxes.



13 ene 2015

12 ene 2015

Lecturas, sempre lecturas

A biblioteca do IES de Quiroga elaborou antes de Nadal un boletín informativo no que se recollía información sobre as últimas adquisicións, actividades de dinamización en activo este curso e numerosas propostas de lectura para ese tempo festivo.
En breve poderedes consultalo tamén dende aquí.
Hoxe recomendámosvos que botedes un ollo ás palabras de Carlos Negro nunha entrevista na que fala da súa última obra, Penúltimas tendencias.