26 jun 2017

Tempo de Manuel Valcárcel

O martes 30 de maio algúns alumnos e alumnas do IES de Quiroga puxemos rumbo a Monforte para ver unha proxección sobre un lugar próximo a nós: o Courel. A obra chamábase "Tempo" e abordaba distintos aspectos deste espazo xeográfico. Ao chegar a Monforte, xusto antes de ver o documental, o autor, Manuel Valcárcel, explicounos como chegara a gravar esta peza e o que o motivou a facelo. 
Un dos temas principais é o despoboamento e o envellecemento da poboación; en relación co anterior, facía referencia ao nacemento dunha nena en Froxán, o primeiro bebé nado alí en trinta anos.
"Tempo" tamén mostra os problemas medioambientais, e fala de actividades que prexudican o medio e aos traballadores que as realizan; as minas destrúen paisaxes e fan dano á poboación da zona (mesmo se vían exemplos concretos de enfermidade, como a silicose).
Outras informacións que aparecían tiñan que ver coas condicións de vida na actualidade no Courel.
Esta actividade resultou moi interesante porque a compartimos co alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel e algunhas familias que se achegaron a velo. 
Rubén López (3º da ESO) e Suso Manteiga
Deixamos aquí un enlace a un fragmento deste documental. Non deixedes de velo.

14 jun 2017

Traballo ben feito... e recoñecido

Pois ben, a xeira deste ano de Escola de Prensa xa deu nome aos centros gañadores. Dende aquí felicitámolos a todos: ao CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei e ao CEIP Monseivane de Vilalba, na categoría de 5º e 6º de Primaria; ao CPR María Auxiliadora de Lugo, na categoría de 1º e 2º da ESO, e moi especialmente ao IES de Perdouro (Burela), un dos nosos rivais na categoría de 3º e 4º da ESO. Tamén van os nosos parabéns para outros centros con galardóns varios, e en xeral, para todos os participantes, que compartiron traballo e ilusións con nós.
Proximamente enlazaremos dende este blog o periódico que fixemos o equipo "O Eco do Val" do IES de Quiroga, que mereceu o premio á mellor contraportada; a nosa tarefa periodística tivo moito éxito na rede, onde se colgaron moitos artigos, e de calidade (como recoñeceu El Progreso na súa edición de hoxe, onde se informaba do fallo desta convocatoria).
O periodo que se aveciña parece un bo momento para ler o xornal, amodiño, sen présas...

6 jun 2017

Artistas finalistas

Este ano a Casa Museo Manuel María lanzou a primeira convocatoria do Concurso de Videopoemas. Biblioquiroga animou ao alumnado a participar... e houbo quen o fixo, e ben.
Un dos videopoemas enviados quedou finalista: o que fixeron Marta Campos e Sara Casanova, de 1º de BAC a partir dos versos de "Quiroga, fáloche a ti..." de Manuel María.
Aló acudiron o día 20 de maio a Outeiro de Rei, á Casa de Hortas, e aínda que non resultaron gañadoras, foi unha xornada que non esqueceremos. 
A verdade é que a calidade dos traballos que chegaron á final era enorme, e sempre é unha honra estar entre os seleccionados.
Para o ano volvemos, ou?
Quirogues@s na visita posterior ao Museo
Foto das finalistas presentes na entrega de premios
Sara e Marta ante a Casa Museo

















(podedes ver o seu videopoema no noso facebook)