21 dic 2016

Que pasou por aquí no neste trimestre?

A finais de outubro, cando celebramos o Día das Bibliotecas cun concerto de Mini e Mero (tamén foron entrevistados polo alumnado pertencente ao Club de Lectura), montouse a exposición de Valle-Inclán (e aínda está a adicada a Agustín Fernández Paz, por suposto!).
Foise actualizando o mural "Son noticia" coas novas que houbo en relación coa literatura e as artes, colaborouse na elaboración do mural para o 25 de novembro, facendo ademais unha pequena listaxe de obras recomendables; o noso alumnado de 3º e 4º da ESO, presentouse nun vídeo para participar no programa "Escola de prensa", promovido por "El Progreso". 
E, hoxe, para rematar o ano adicado a Manuel María, houbo unha representación teatral a partir da dramatización da súa obra Sonetos ao Val de Quiroga, por parte dun grupo de teatro afeccionado da zona.
Aquí fican algunhas imaxes de todo isto:
Alumnado que forma a equipa "O eco do val"



27 oct 2016

Intenso xoves de letras

Hoxe tivo lugar a entrega de premios ao alumnado gañador das Quinielas Lectoras (que por certo, estará convidado a asistir á proxima excursión do Club de Lectura a Outeiro de Rei) e aos alumnos/as que retiraron un maior número de libros desta biblioteca en préstamo (no curso 2015-2016). 
As autoras da imaxe de Castelao que agora loce nunha das portas da planta baixa, tamén obtiveron hoxe un novo recoñecemento: asinaron a súa obra, ao igual que a persoa que a coordinou, Patxi Jaureguízar. 
Estamos desexando saber cal vai ser a súa seguinte contribución nos espazos comúns do centro!!!!
E falando de presenzas literarias nos nosos corredores: Valle-Inclán comeza mañá a deixarse ver en múltiples imaxes na parede situada enfronte da biblioteca. A conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento é só a excusa para recrear esa figura que tan ben coñecemos tod@s.
A nova de que Pablo Auladell é o novo Premio Nacional de Cómic, non nos colleu sen saber quen é: entre os nosos fondos contamos con dúas obras ilustradas por el. Aquí vos quedan as portadas correspondentes.



18 oct 2016

Máis novas de biblioquiroga

Pois si. Vai dando ben que dicir este outono na nosa biblioteca: andamos a facer unha actividade en relación co Día das Escritoras, conmemoración que a Biblioteca Nacional promoveu este ano por primeira vez. Nós como sempre imos un pouco apurad@s de tempo, e por iso tedes toda a semana para achegarvos ao corredor da planta baixa, enfronte da biblioteca, para escribir na cartolina o nome dalgunha escritora coñecida. Non vale repetir... así que, a ler todos os nomes que xa hai..
E si, esta proposta fica xusto a carón do mural de caligramas de Rosalía, onde mellor!

O EDNL vén de convocar un concurso de relato curto de misterio co gallo do Samaín (e outro de decoración de cabazas). Acordádevos que o prazo máximo para a entrega é o 28 de outubro.
Outra cousiña máis: ide buscando tempo para curiosar O Papagaio...

3 oct 2016

Un bo comezo

Este ano comezamos o curso ao grande: coa entrega de premios ao alumnado que máis libros levou en préstamo ao longo do curso 2015-2016 (Emily González, Luís Arias e Sabela Durán) e tamén para os gañadores/as das Quinielas Lectoras do curso pasado. Para saber quen foron estes últimos, achegádevos ao taboleiro "Son noticia" do instituto: alí poderedes ver a resolución das enigmáticas Quinielas e os formularios con maior número de acertos, onde aparecen os nomes dos  e das participantes. En canto haxa data de entrega dos galardóns, xa avisamos.
Xa vos anticipo que a cousa andivo moi igualada, por iso hai un dobre primeiro premio, e un dobre segundo premio. Noraboa!!!
En breve comezaremos a proporvos novas actividades. Estade atent@s...

8 ago 2016

O lugar ao que levan todos os camiños estes días

Aviso urxente a navegantes no mar das letras estivais e a amantes de calquera formato que combina imaxe e texto:

Este ano estarán na Coruña Rubén Pellejero (E, Juan Díaz Canales (Blacksad) e Xosé Tomás (Nómades), entre outros/as debuxantes.
Moi recomendables tamén as exposicións que asulagan a cidade con personaxes de cómic e novela gráfica...

12 jul 2016

...deixa un rastro de palabras

Morreu Agustín Fernández Paz, o narrador galego que escribiu para todos os públicos, cunha traxectoria coherente na que mantivo unha actitude crítica cara a sociedade contemporánea en obras como Fantasmas de luz e rescatou a memoria de tempos durísimos con Noite de voraces sombras, por exemplo.
Obra súa foron O meu nome é SkywalkerCartas do inverno, Aire negro, Corredores de sombraContos por palabras, Rapazas, Trece anos de Branca, Amor dos quince anos, Marilyn... 
E máis recentemente publicara relatos tan coñecidos como Non hai noite tan longa, Lúa do Senegal, A neve interminable, A viaxe de Gagarin, O único que queda é o amor.
E si, o único que queda é o amor, polas boas historias e polas persoas que fan as nosas vidas máis habitables, na realidade ou nun mundo de ilusión que crean para nós.
Xa sabedes onde podedes atopar a Agustín: latexando nas páxinas de todos os seus libros. Estanvos esperando na biblioteca.


9 jun 2016

... quen se atreve con esta quiniela?

Tardaron en chegar, si. Foron adiándose, porque todo o mundo medía moito as súas recomendacións, pero por fin están á vista: na zona das escaleiras centrais na planta baixa, moi próximas ao recuncho Castelao, están as Quinielas Lectoras. Tedes ata o vindeiro martes para cubrir o modelo no que adxudicades as lecturas propostas por cadaquén ao autor/a correspondente.
Ánimo, algún libro seguro que xa vos imaxinades quen o leu... ou?


(non vos esquezades que podedes curiosear a maior parte deles na zona de exposición de libros)

26 may 2016

outras letras?

Seguimos coa proposta "Abril de libros, maio de letras" en activo; aínda están pendentes as Quinielas Lectoras (logo van, logo van), pero xa tivo lugar o Festival das Letras, o 23 de maio. Estivo organizado por EDNL e contou coa colaboración da Biblioteca e a vicedirección do centro.
Aquí vos deixo un par de imaxes, unha correspondente ao resultado final das letras cervantinas, e outra na que está o alumnado de Investigación e Tratamento da Información realizando unha actividade de localización de datos concretos, aproveitando os carteis sobre Manuel María:


16 may 2016

Sempre letras

Non esquezades que mañá é o Día das Letras, e na Casa da Cultura inaugúrase a Sala Manuel María coa exposición dos debuxos que vós e o alumnado dos colexios fixestes para ilustrar a reedición dos Sonetos ao Val de Quiroga. Tedes máis información sobre o programa previsto na páxina web.
E, sobretodo, non esquezades ler algunha cousiña nun día tan propio para deixar oír poemas... e recomendarlles a outr@s algo para ler!
Por certo: xa estades anotados para participar no Pasapalabra, esta semana nos segundos recreos?
E nas Quinielas Lectoras, para a próxima? O tempo voaaaa...
Facemos un recordatorio rápido das últimas propostas da biblioteca que xa tiveron lugar:
- a saída a Celanova, para participar nun concerto de órgano e visitar a Casa dos Poetas, a biblioteca do Claustro do Poleiro, o Mosteiro de San Rosendo, Vilanova dos Infantes e Castromao.


- elaboración das letras do título da obra máis universal de Cervantes con textos escollidos da propia obra, dispostos segundo a creatividade do alumnado de 3º da ESO. Aquí están en pleno proceso:






(os resultados, en breve á vista)
- a creación dun espazo artístico no corredor da planta baixa, coa porta-mural "Castelao". Aquí tedes aos responsables desta obra:

21 abr 2016

Aviso urxente: perigo!

Querido/as lectore/as e usuario/as:

Por mor das obra de acondicionamento que están tendo lugar no espazo onde habitualmente se dispón o Mercado do Libro de segunda man (aquí vedes aos nos@s operario/as), este ano vémonos obrigalo a adialo: non dará comezo o venres 22 tal como estaba previsto.
Iso si, mañá algunha actividade haberá, que é víspera do Día do Libro!
Mentres tanto, ide revisando eses libros que vades trocar por outros e botando contas dos que ides poder mercar...
Tede paciencia, estade atento/as: a primeiros da vindeira semana estará en activo, con algunhas sorpresas.. ;-)

PD: Seguimos esperando a devolución das dúas obras desaparecidas da exposición de cómic: Solanin e One piece. Xa sabemos que son apetecibles, pero non son da nosa biblio e hai que entregalas canto antes. Prometemos incorporar eses títulos ao noso catálogo en canto sexa posible.

4 abr 2016

Tiña que ser Castelao

Comezou abril, e con el, por segundo ano, a proposta de lectura e dinamización cultural

"Abril de libros... maio de letras"

Este ano, tivemos unha ocasión magnífica para darlle comezo artísticamente: o pasado venres, como sabedes, conmemorouse o II Día das Artes Galegas, en homenaxe a Castelao, figura senlleira da cultura galega. A biblioteca do IES de Quiroga organizou, en colaboración co EDNL, unha exposición sobre a súa obra -xa a pudestes ver no corredor da planta baixa, onde permanecerá ata finais de abril, polo menos- e unha serie de actividades que irán tendo lugar nas próximas semanas: estade atentas e atentos, que isto promete!


22 mar 2016

Marzo de mulleres

Se aínda non vos detivestes diante dos expositores con materiais relacionados co 8 de marzo, Día Internacional da Muller, non deixedes de facelo: tedes onde escoller!


Dende aquí queremos dar os parabéns aos premiad@s da actividade "Dalles nome: mulleres na música", cuxa entrega de premios foi o día 18 de marzo.
Esperamos que disfrutásedes moito buscándoas... e aproveitásedes para ouvir algo seu.

26 feb 2016

Rosalía, Rosalía...

Para conmemorar o Día de Rosalía este ano, ademais da proposta do EDNL de poñer nas redes sociais versos seus (por certo, lémbrovos que aínda estades a tempo de enviar a captura de pantalla correspondente para participar nun sorteo de obxectos rosalianos), o alumnado de Investigación e Tratamento da Información está a elaborar unha pequena ficha sobre a autora galega.
E o alumnado de terceiro e cuarto da ESO, secundou masivamente a actividade de elaborar caligramas cos versos da poeta de Padrón, aquí vos queda a imaxe da montaxe final no corredor da planta baixa, enfronte á biblioteca, moi preto de onde están unha selección das súas obras.

Mágoa que non todo sean boas novas no mundo das letras: recentemente calaron as voces do italiano Umberto Eco (autor de obras tan célebres como El nombre de la rosa) e Harper Lee, unha autora estadounidense que recibiu o Premio Pulitzer con Matar a un ruiseñor, unha novela na que amosaba as actitudes racistas dos anos 60 nos EEUU e reivindicaba a igualdade e a xustiza. Se queredes sabes máis sobre calquera deles, podedes ver a reseña no mural "Son noticia" e na páxina web do centro.

18 feb 2016

De evento en evento...

O venres pasado o alumnado do IES de Quiroga acudiu á presentación da nova edición do poemario de Manuel María Sonetos ao Val de Quiroga e volveron con cadanseu exemplar. O mellor de todo é que nesta edición combínanse as magníficas ilustracións de Teixelo coas feitas polo alumnado de todos os centros educativos do Val de Quiroga. Sodes uns artistas!

Logo teredes outra ocasión de demostrar a vosa creatividade, no Día de Rosalía. Estade atent@s!

5 feb 2016

Somos de cómic!

Efectivamente, texto e debuxo sobre papel, iso somos nós.
A visita de Miguel Fernández o pasado mércores, que deixou pegada no centro coa súa charla "Contando con debuxos", como podedes ver nas imaxes, coincidiu co comezo da exposición de cómic, banda deseñada e novela gráfica. Si, esa da que levabamos falando un ano e non parecía concretarse nunca... agora foi.


E o vindeiro venres preséntase a reedición dos Sonetos ao Val de Quiroga, na que participou parte do alumnado cos seus debuxos... é isto o principio do camiño da ilustración para algúns e algunhas?


24 ene 2016

O que vai vir...

Neste trimestre hai varias actividades organizadas pola biblioteca á vista: a celebración do Día da Ilustración -teremos con nós a Miguel Fernández, para dar unha charla-, que como ben sabedes coincide co Día da Paz; unha nova edición do concurso de disfraces literarios, cuxas bases andan paseándose polos corredores do centro... animádevos, lector@s!


Por certo, o alumnado de francés de 3º e 4º da ESO, asistiu a unha representación teatral nesa lingua: a que esperades para facer unha reseña do "Dom Juan ou le festin de pierre"? ;-)

8 ene 2016

Un ano máis, abrindo as portas

Despois do Nadal, na biblioteca do IES de Quiroga volvemos a estar operativos/as.
Recordade que é un bo momento para que veñades devolver os préstamos de Nadal, e levar algunha outra lectura se queredes  ;-)
... ou probar os novos asentos, que tanto vos intrigaban...

Mágoa é ter que comezar o ano lembrando a figura doutro gran escritor galego falecido, neste caso trátase de Xosé Fernández Ferreiro, que finou en decembro. Podedes atopar algunhas novelas súas na biblioteca, entre elas os seus clásicos Morrer en Castrelo de Miño e Agosto do 36, pero tamén outras como O atentado, A cidade das chuvias, A fraga dos paxaros salvaxes ou Corrupción e morte de Brigitte Bardot.