19 abr. 2017

Xa estamos en abril... de letras!!!!

Pois si, xa estamos outro ano en abril, comezando coas propostas de "Abril de libros, maio de letras".
Polo de agora andamos quentando motores, coa exposición sobre Maruja Mallo, á pintora viveirense a quen se lle adicou este ano o Día das Artes, e co "fotocall" de Castelao e Rosalía. Aquí queda a foto das que encetaron a sesión de fotos, Nuria e Icía, de 1º da ESO, do Club de Lectura:
A que estades esperando para vir tirar unha foto neste recuncho de clásicos galegos?

3 abr. 2017

Non dicimos nada, pero vaia...

Causas alleas á nosa vontade (exceso de traballo, fundamentalmente) fan que non levemos un tempo sen encher este espazo na rede, pero non por iso deixou de haber actividade derivada da biblio. Máis ben ao revés: ademais da presenza de Xosé Tomás para conmemorar o Día da Ilustración, que xa vos anticipamos aquí, o 17 de febreiro estivo con nós Aldaolado; o 24 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía cun concurso de marcapáxinas e coa creación de caligramas, como os últimos anos; ese mesmo día, houbo un concurso de disfraces literarios; o 13 de marzo tivemos a proposta Feminino Plural, con Silvia Penide e Carla López, e así celebramos este ano o Día da Muller.
En colaboración co Departamento de Plástica, fixéronse dúas actividades: decorouse unha nova porta do centro coa figura dunha escritora neste caso (xa colgaremos imaxe) e, no primeiro trimestre, ilustrouse un conto de Emilia Pardo Bazán (contámosvolo agora, que está a punto de saír a publicación, feita pola propia Casa Museo da autora).
Todo isto e moitas outras actividades que tiveron lugar no centro quedaron reseñadas polo alumnado (equipo "O Eco do Val") en artigos que elaboraron para Escola de Prensa, unha proposta do diario El Progreso. Podedes acceder a varios deles na rede, pois foron colgados na páxina web que hai a tal efecto. Algún mesmo saíu na edición impresa deste xornal (foi o caso de "Aldaolado no IES de Quiroga", o sábado pasado).
Agora vén a temporada forte con "Abril de libros, maio de letras": a ver se damos sacado tempo para contarvos...