11 de maio de 2026

Plan Proxecta: Quérote +

Durante a semana do 4 ao 8 de maio o alumnado de 3º da ESO participou no desenvolvemento da Ficha 6 do Plan Proxecta: Quérote+, titulada “Cultivando habilidades”, centrada na presión de grupo, a toma de decisións e o consentimento nas relacións persoais e afectivas. A actividade organizouse en dúas sesións. 

Na primeira delas leváronse a cabo diferentes dinámicas de role-playing nas que participaron tanto alumnado como profesorado, representando situacións cotiás relacionadas coa presión social, como a necesidade de encaixar no grupo, a presión estética, o consumo de substancias ou a insistencia para manter relacións sexuais. Estas representacións permitiron reflexionar sobre como nos sentimos cando exercemos presión sobre outras persoas ou cando somos nós quen a recibimos, así como analizar diferentes formas de responder de maneira asertiva e respectuosa.

Durante esta sesión tamén se abordaron os experimentos de presión social de Solomon Asch e Stanley Milgram, co obxectivo de comprender como a influencia do grupo pode condicionar as decisións e os comportamentos das persoas.


Na segunda sesión retomouse o tema do consentimento sexual. O alumnado volveu visualizar o vídeo “Consentimiento sexual explicado con té”, que xa coñeceran previamente na charla impartida por Héctor Méndez sobre prevención de delitos sexuais. A continuación, realizouse unha ficha de autoavaliación para comprobar que recordaban e reflexionar sobre os aspectos traballados anteriormente.


Finalmente, realizouse unha posta en común na que se analizaron as claves fundamentais do consentimento: que sexa afirmativo, reversible, específico, procesual, voluntario e entusiasta. A actividade favoreceu a reflexión crítica, a comunicación e o desenvolvemento de habilidades persoais para establecer relacións máis saudables, igualitarias e respectuosas.



6 de maio de 2026

Visita da Garda Real

Hoxe o noso instituto recibiu a visita de representantes da Garda Real, que ofreceron unha interesante charla de orientación académica e profesional dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO e Bacharelato.

Durante a sesión explicaron en que consiste a Garda Real, unha unidade militar integrada nas Forzas Armadas Españolas que ten como misión principal prestar servizo de garda, seguridade, honras e escolta á Xefatura do Estado e á Familia Real. Trátase dunha unidade con carácter mixto, na que conviven profesionais procedentes do Exército de Terra, da Armada e do Exército do Aire e do Espazo, así como dos corpos comúns das Forzas Armadas, o que permite unha grande diversidade de perfís e especialidades.

O alumnado puido coñecer tamén a variedade de perfís profesionais que integran a Garda Real: desde funcións operativas e de seguridade ata áreas técnicas, sanitarias, de mantemento, comunicacións, loxística, música militar ou unidades ecuestres, entre outras. Esta diversidade amosa a amplitude de saídas profesionais que existen dentro do ámbito militar.

Comentaron os diferentes itinerarios de incorporación en función do nivel de estudos, así como os procesos selectivos que inclúen probas físicas, psicotécnicas e formación específica. Tamén falaron da importancia da preparación e da motivación persoal para afrontar estas probas con éxito. 

Así mesmo, abordaron as posibilidades de promoción interna dentro das Forzas Armadas, destacando que a carreira militar ofrece itinerarios de progresión profesional ao longo do tempo, permitindo ascender de escala e asumir maiores responsabilidades mediante formación continua, experiencia e superación de novas probas.

A charla resultou moi enriquecedora para o alumnado, que puido resolver dúbidas e achegarse a unha realidade profesional distinta, ampliando así o seu coñecemento sobre opcións de futuro académico e laboral.