26 de maio de 2026

Saúde e hixiene menstrual

Con motivo do Día Internacional da Hixiene Menstrual, que se conmemora cada 28 de maio, esta semana no noso IES estanse a realizar distintas actividades de sensibilización e información arredor da saúde e da hixiene menstrual dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.

A orientadora educativa impartiu en cada curso unha charla informativa na que se trataron aspectos fundamentais como a menarquía, o ciclo menstrual, os diferentes produtos de hixiene menstrual e a importancia de manter hábitos de vida saudables relacionados coa alimentación, a actividade física e a hixiene persoal, entre outros. Estas sesións realizáronse desde unha perspectiva educativa e inclusiva, libre de estereotipos de xénero, promovendo o coñecemento, a naturalización e a comprensión desta realidade.

Nas charlas participaron tanto alumnas como alumnos, xa que resulta fundamental que toda a comunidade educativa coñeza mellor a realidade cíclica das mulleres, as súas implicacións físicas, emocionais e sociais, así como a importancia de superar os prexuízos e tabús que aínda existen arredor da menstruación. Crear estes espazos de diálogo e aprendizaxe no ámbito educativo contribúe a avanzar cara a unha sociedade máis empática, respectuosa e comprometida coa igualdade.

A Organización Mundial da Saúde sinala que a saúde menstrual forma parte do benestar físico, mental e social das persoas e lembra a importancia de garantir información rigorosa e accesible sobre esta cuestión. Pola súa banda, UNICEF destaca o papel dos centros educativos na promoción dunha educación menstrual baseada no coñecemento, no respecto e na eliminación de estigmas.

Como proposta complementaria ás charlas, habilitouse tamén un recuncho de lectura con libros e materiais relacionados coa temática, co obxectivo de ampliar a información traballada nas sesións e ofrecer ao alumnado recursos de interese para seguir afondando neste tema desde o coñecemento, a reflexión e o respecto.





Ningún comentario:

Publicar un comentario