Durante a semana do 18 ao 22 de maio, o alumnado de 3º da ESO continuou avanzando no desenvolvemento do Proxecto Quérote+, un espazo de aprendizaxe e reflexión orientado á promoción da saúde afectivo-sexual e ao benestar da mocidade.
Nesta ocasión traballouse a ficha 7, centrada no coñecemento e análise das prácticas sexuais aconceptivas e conceptivas, abordándoas desde unha perspectiva de información, responsabilidade e respecto. A través das distintas actividades propostas, o alumnado puido reflexionar sobre a importancia de contar cunha información rigorosa que lles permita tomar decisións conscientes e responsables, incidindo especialmente na prevención de embarazos non desexados.
Ademais, dedicouse un tempo específico á prevención das infeccións de transmisión sexual (ITS), analizando formas de transmisión, medidas de protección e a relevancia do coidado da saúde sexual propia e das demais persoas. O traballo realizado permitiu resolver dúbidas, desmontar algúns mitos frecuentes e promover actitudes baseadas no respecto, na responsabilidade compartida e no coidado mutuo.
Seguimos avanzando no Proxecto Quérote+ convencidas e convencidos de que a educación afectivo-sexual é unha ferramenta fundamental para favorecer relacións saudables e contribuír ao desenvolvemento integral do noso alumnado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario