No marco do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, leváronse a cabo no IES de Quiroga catro Charlas Temáticas ao longo deste curso.
Abriu o ciclo o día 2 de febreiro o doutor en Lingüística Miguel González Pereira, profesor na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, que impartiu a charla “Diversidade lingüística e comunicación intercultural”. Foron cincuenta minutos de información amena na que achegou aos rapaces curiosidades lingüísticas, como a posibilidades de contar as linguas do mundo atendendo a diferentes criterios, o que permite falar de entre 1000 e 7000 linguas (case nada!), ou as diferenzas existentes nos actos comunicativos en función de factores culturais (saúdos, agradecementos…). Fixo fincapé, asimesmo, na universalidade da linguaxe e na xestión da imaxe pública que ofrecemos cos nosos actos comunicativos. Finalmente, presentou ao alumnado o novedoso e actual Grao en Xestión Cultural.
O 30 de marzo visitou o centro o Dr. Israel Sanmartín Barros, profesor na facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela, coa charla “A Idade Media e o cómic”. Nela presentou a historia do cómic e como este soporte literario da pé ao estudo da representación actual da Idade Media. Dende El guerrero del antifaz a La espada de San Eufrasio, repasou esta temática que segue invadindo o noso tempo de lecer e destacou a relevancia que os estudos desde xénero están a ter na investigación universitaria, onde xa constitúe eixe vertebrador de congresos e teses doutorais (como a da hispanista francesa Isabelle Touton).
O seis de abril, a doutora María José Alonso Veloso, profesora na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, presentou “O obradoiro do filólogo e a conservación do patrimonio literario”, charla na que o alumnado puido coñecer algúns dos problemas cos que se atopan os editores de textos antigos á hora de fixar e anotar as composicións, moitas veces deturpadas ben polo paso do tempo, ben polo paso dos copistas. Esta é unha rama da investigación filolóxica que permite conservar a literatura escrita e comprender o legado que, dun ou doutro xeito, forma parte da nosa cultura e, consecuentemente, do noso ser.
Pechamos o ciclo o 20 de abril, con “Que é a gramática?”, conferencia impartida polo doutor Francisco Dubert García, profesor na Facultade de Filoloxía de Santiago. De xeito dinámico, con moitos exemplos e contando coa participación do alumnado, Dubert ofreceulles ferramentas para reflexionar sobre os distintos sistemas gramaticais das linguas. Quen sabe se aflorará alguna vocación filolóxica!
Ningún comentario:
Publicar un comentario