Con motivo de mellorar a túa lectoescritura e motivarte para que a vexas como algo agradable, responde ás seguintes preguntas. Tan só che levará uns minutiños e, para o IES, é moi importante. Grazas por colaborar!
Que é o PLEA?
O PLEA é un documento de centro que integra todas as intervencións destinadas ao fomento da lectura, da escritura e das habilidades no uso e no tratamento da información, e tamén á comunicación do coñecemento, como apoio á adquisición das competencias clave. Os obxectivos xerais do PLEA serán os seguintes:
a) Mellorar a competencia lectora de todo o alumnado e fomentar a lectura crítica.
b) Mellorar a produción de textos escritos en múltiples soportes.
c) Favorecer as alfabetizacións múltiples (a alfabetización visual, informacional e mediática) do alumnado e fomentar o uso crítico da información.
d) Implementar e reforzar nos centros educativos estratexias desde todas as áreas, materias e ámbitos do currículo que redunden na mellora da competencia lectora, escritora e informacional.
e) Sistematizar a práctica lectora diaria en todos os niveis das etapas de primaria e secundaria
f) Consolidar as bibliotecas escolares como centros de recursos en diferentes soportes para a aprendizaxe e gozo da lectura, para o desenvolvemento de habilidades na escrita e para o acceso á información.
g) Acadar a implicación de toda a comunidade educativa para favorecer o hábito lector e o fomento da lectura, así como o gusto pola escrita e o coidado da mesma.
h) Promover por parte dos centros educativos o uso das ferramentas de diagnose e avaliación da competencia lectora, escritora e informacional.