7 de abr. de 2026

Aberto o prazo das Becas MEC para o curso 2026/27

Publicada a convocatoria das becas de carácter xeral para o curso 2026/27, dirixidas ao alumnado que vaia cursar estudos postobrigatorios.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto do 7 de abril ao 18 de maio ás 15:00 horas, ambos os dous días incluídos.

A solicitude debe realizarse exclusivamente por vía electrónica, a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

É imprescindible que o alumnado: realice o rexistro na sede electrónica (na primeira solicitude), e conserve as claves de acceso, xa que serán necesarias para facer a solicitude e consultar o expediente durante todo o proceso.

Antes de enviar a solicitude, cómpre ter en conta os seguintes aspectos:

  • O correo electrónico indicado debe ser correcto e estar operativo durante todo o proceso, xa que será a vía para recibir notificacións, requirimentos e resolucións.
  • A conta bancaria facilitada debe ter ao/á estudante como titular ou cotitular.
  • A solicitude só quedará presentada cando se poida xerar o xustificante de presentación, documento que se recomenda gardar.
  • É importante revisar se se require documentación adicional (padrón, sentenzas ou outra documentación xustificativa) e achegala canto antes.

A fase inicial adoita rematar a mediados de xullo. Posteriormente, cruzaranse os datos económicos co Ministerio de Facenda e, ao longo do verán, comunicarase se se cumpren os requisitos económicos.

Recoméndase:

  • consultar con frecuencia o correo electrónico,
  • revisar tamén a carpeta de spam,
  • acceder periodicamente ao expediente coa clave persoal.

No mes de setembro abrirase un prazo para:

  • presentar alegacións,
  • modificar datos académicos,
  • actualizar a residencia,
  • cambiar a conta bancaria.

Para a concesión da beca será necesario cumprir os requisitos establecidos na convocatoria.

Entre os máis destacados:

  • En 1º e 2º de Bacharelato, só se permite un suspenso para manter a beca.
  • Se o alumno ou alumna está repetindo curso, non se admite ningún suspenso.
  • En FP, será necesario matricularse dun mínimo de 500 horas e ter superado, con carácter xeral, o 85 % da carga horaria do curso anterior.

Unha vez concedida, é fundamental cumprir os seguintes compromisos:

  • asistencia regular ás clases,
  • non causar baixa antes de finalizar o curso,
  • aprobar, como mínimo, o 50 % das materias, créditos ou horas.

En caso de abandonar os estudos, recoméndase presentar a renuncia á beca canto antes.

Para máis información, pódese consultar a páxina oficial do Ministerio e a UT Becas Lugo no caso de estudos non universitarios na provincia.

Enlace o acceso á tramitación na sede electrónica do Ministerio: 

https://www.educacionfpydeportes.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050130/ficha/050130-2026.html