28 de xan. de 2026

"EDUCAR EN XUSTIZA"

 O departamento Lingua Castelá e Literatura deste instituto coordináronse co departamento de Lingua Galega e Lingua Castelá do IES de Cosme Pérez (A Rúa) para participar conxuntamente no programa “Educar en Xustiza” promovido pola Oficina de Comunicación do Consello Xeral do Poder Xudicial, así como no roteiro “O Ourense literario” fomentado pola Oficina Municipal de Turismo de Ourense.

A actividade foi dirixida ao alumnado de Oratoria de 3º de ESO e de 4º de ESO, que puideron observar o uso formal que se fai da lingua acompañado da linguaxe xestual nun contexto serio. Con ela aprendemos, por un lado, como funciona o sistema de Xustiza en España, cales son as distintas ordes xurisdicionais (civil, penal, social e contencioso), como se estrutura a Administración de Xustiza, que función desempeñan nela os xuíces, os letrados, os fiscais, os avogados, as testemuñas e os peritos, así como a doutros funcionarios (persoal do Xulgado, médicos forenses, Forzas de Seguridade do Estado como a Garda Civil ou a Policía, etc). Por outro lado, despois de asistir ao desenvolvemento de xuízos de delitos leves no Xulgado de Instrución nº 1 de Ourense o día 28 de xaneiro de 2026, aprendemos que hai que seguir uns protocolos moi formais que van desde a roupa que deben levar xuíz, fiscal e avogados, e que serven para identificar a cada un/unha deles, ata a lingua que se emprega, nun rexistro formal e culto e cun léxico especializado e moi preciso xa que a finalidade é conseguir chegar á obxectividade e a unha resolución xusta. Tamén vimos as celas e os lugares onde se fan as roldas de recoñecemento. A atención no Xulgado mencionado por parte do xuíz, da fiscal e do persoal funcionario que nos atendeu foi exquisita e moi próxima. Ensináronos os lugares máis interesantes e en todo momento resolveron as nosas dúbidas.

No roteiro literario tivemos a sorte de sermos atendidos por José Ramón Gómez, Técnico de Turismo e Guía da Oficina Municipal de Turismo de Ourense, que nos levou polos lugares máis emblemáticos da cidade de Ourense relacionados cos grandes intelectuais desta provincia. A charla foi moi amena, mesmo con referencias a músicos como Bob Dylan (premio Nobel de Literatura) e, por suposto, Los Suaves, cuxas letras merecen ser escoitadas detidamente. Por suposto, falounos dos grandes autores da literatura galega (Curros, Lamas Carvajal, Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Blanco Amor, Carlos Casares...) e do escritor de literatura castelá José Ángel Valente. Tamén houbo mención, por estaren relacionados con Ourense dalgunha maneira, a Xosé Luís Méndez Ferrín, a Camilo José Cela e a Carmen Martín Gaite. En definitiva, un roteiro moi divertido e agradable.


O ROTEIRO







Ningún comentario:

Publicar un comentario