14 de abr. de 2026

O mundo das emocións

Onte vivimos unha xornada moi especial co alumnado de 1º da ESO, na que a titora e a orientadora puxeron en marcha unha actividade pensada para descubrir e explorar o apaixonante mundo das emocións.

A través dun xogo baseado en tarxetas de emocións —deseñadas como unha guía práctica para comprender o que sentimos—, o alumnado comezou a dar os primeiros pasos nun aspecto fundamental do seu desenvolvemento persoal: a educación emocional. Estas tarxetas permítenlles aprender a nomear cada emoción, identificar onde a senten no corpo e entender a importancia de transitalas con naturalidade. Porque as emocións forman parte da nosa natureza humana. Recoñecelas, sentilas e acollelas é clave para medrar con maior intelixencia emocional e, sobre todo, para fortalecer a confianza en si mesmos á hora de afrontar os desafíos da vida.

Durante a sesión traballouse a idea de que o primeiro paso para recoñecer as emocións,  poñerlles nome e darlles espazo, entendendo que todas son necesarias e cumpren unha función importante. Ademais, exploráronse distintos tipos de emocións, organizadas en tres grandes grupos:

  • As de alta intensidade, que provocan reaccións fortes no noso corpo e poden xerar respostas como fuxir ou loitar.
  • As de baixo ton, que diminúen a nosa enerxía e nos levan a estados máis reflexivos ou con menos ganas de actuar.
  • E as de alta frecuencia, que elevan a nosa enerxía e esperta en nós ganas de sorrir, saltar ou bailar.

A sesión foi moi dinámica, divertida e participativa. A través da mímica, a imitación e pequenas representacións teatrais en grupo, o alumnado deu vida a emocións como o medo, a tristura, a alegría, os celos ou a sorpresa, aprendendo dun xeito vivencial e significativo.

Esta actividade terá continuidade nunha segunda sesión, na que seguiremos afondando no traballo coas emocións a través do xogo "Tarxetas de emocións: unha guía práctica para ensinar as emocións".

Sen dúbida, unha experiencia enriquecedora que sementa as bases para un desenvolvemento emocional saudable e consciente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario