16 de maio de 2016

Sempre letras

Non esquezades que mañá é o Día das Letras, e na Casa da Cultura inaugúrase a Sala Manuel María coa exposición dos debuxos que vós e o alumnado dos colexios fixestes para ilustrar a reedición dos Sonetos ao Val de Quiroga. Tedes máis información sobre o programa previsto na páxina web.
E, sobretodo, non esquezades ler algunha cousiña nun día tan propio para deixar oír poemas... e recomendarlles a outr@s algo para ler!
Por certo: xa estades anotados para participar no Pasapalabra, esta semana nos segundos recreos?
E nas Quinielas Lectoras, para a próxima? O tempo voaaaa...
Facemos un recordatorio rápido das últimas propostas da biblioteca que xa tiveron lugar:
- a saída a Celanova, para participar nun concerto de órgano e visitar a Casa dos Poetas, a biblioteca do Claustro do Poleiro, o Mosteiro de San Rosendo, Vilanova dos Infantes e Castromao.


- elaboración das letras do título da obra máis universal de Cervantes con textos escollidos da propia obra, dispostos segundo a creatividade do alumnado de 3º da ESO. Aquí están en pleno proceso:






(os resultados, en breve á vista)
- a creación dun espazo artístico no corredor da planta baixa, coa porta-mural "Castelao". Aquí tedes aos responsables desta obra:

21 de abr. de 2016

Aviso urxente: perigo!

Querido/as lectore/as e usuario/as:

Por mor das obra de acondicionamento que están tendo lugar no espazo onde habitualmente se dispón o Mercado do Libro de segunda man (aquí vedes aos nos@s operario/as), este ano vémonos obrigalo a adialo: non dará comezo o venres 22 tal como estaba previsto.
Iso si, mañá algunha actividade haberá, que é víspera do Día do Libro!
Mentres tanto, ide revisando eses libros que vades trocar por outros e botando contas dos que ides poder mercar...
Tede paciencia, estade atento/as: a primeiros da vindeira semana estará en activo, con algunhas sorpresas.. ;-)

PD: Seguimos esperando a devolución das dúas obras desaparecidas da exposición de cómic: Solanin e One piece. Xa sabemos que son apetecibles, pero non son da nosa biblio e hai que entregalas canto antes. Prometemos incorporar eses títulos ao noso catálogo en canto sexa posible.

4 de abr. de 2016

Tiña que ser Castelao

Comezou abril, e con el, por segundo ano, a proposta de lectura e dinamización cultural

"Abril de libros... maio de letras"

Este ano, tivemos unha ocasión magnífica para darlle comezo artísticamente: o pasado venres, como sabedes, conmemorouse o II Día das Artes Galegas, en homenaxe a Castelao, figura senlleira da cultura galega. A biblioteca do IES de Quiroga organizou, en colaboración co EDNL, unha exposición sobre a súa obra -xa a pudestes ver no corredor da planta baixa, onde permanecerá ata finais de abril, polo menos- e unha serie de actividades que irán tendo lugar nas próximas semanas: estade atentas e atentos, que isto promete!


22 de mar. de 2016

Marzo de mulleres

Se aínda non vos detivestes diante dos expositores con materiais relacionados co 8 de marzo, Día Internacional da Muller, non deixedes de facelo: tedes onde escoller!


Dende aquí queremos dar os parabéns aos premiad@s da actividade "Dalles nome: mulleres na música", cuxa entrega de premios foi o día 18 de marzo.
Esperamos que disfrutásedes moito buscándoas... e aproveitásedes para ouvir algo seu.

26 de feb. de 2016

Rosalía, Rosalía...

Para conmemorar o Día de Rosalía este ano, ademais da proposta do EDNL de poñer nas redes sociais versos seus (por certo, lémbrovos que aínda estades a tempo de enviar a captura de pantalla correspondente para participar nun sorteo de obxectos rosalianos), o alumnado de Investigación e Tratamento da Información está a elaborar unha pequena ficha sobre a autora galega.
E o alumnado de terceiro e cuarto da ESO, secundou masivamente a actividade de elaborar caligramas cos versos da poeta de Padrón, aquí vos queda a imaxe da montaxe final no corredor da planta baixa, enfronte á biblioteca, moi preto de onde están unha selección das súas obras.

Mágoa que non todo sean boas novas no mundo das letras: recentemente calaron as voces do italiano Umberto Eco (autor de obras tan célebres como El nombre de la rosa) e Harper Lee, unha autora estadounidense que recibiu o Premio Pulitzer con Matar a un ruiseñor, unha novela na que amosaba as actitudes racistas dos anos 60 nos EEUU e reivindicaba a igualdade e a xustiza. Se queredes sabes máis sobre calquera deles, podedes ver a reseña no mural "Son noticia" e na páxina web do centro.

18 de feb. de 2016

De evento en evento...

O venres pasado o alumnado do IES de Quiroga acudiu á presentación da nova edición do poemario de Manuel María Sonetos ao Val de Quiroga e volveron con cadanseu exemplar. O mellor de todo é que nesta edición combínanse as magníficas ilustracións de Teixelo coas feitas polo alumnado de todos os centros educativos do Val de Quiroga. Sodes uns artistas!

Logo teredes outra ocasión de demostrar a vosa creatividade, no Día de Rosalía. Estade atent@s!

5 de feb. de 2016

Somos de cómic!

Efectivamente, texto e debuxo sobre papel, iso somos nós.
A visita de Miguel Fernández o pasado mércores, que deixou pegada no centro coa súa charla "Contando con debuxos", como podedes ver nas imaxes, coincidiu co comezo da exposición de cómic, banda deseñada e novela gráfica. Si, esa da que levabamos falando un ano e non parecía concretarse nunca... agora foi.


E o vindeiro venres preséntase a reedición dos Sonetos ao Val de Quiroga, na que participou parte do alumnado cos seus debuxos... é isto o principio do camiño da ilustración para algúns e algunhas?