31 de out. de 2017

DE MEDO!!!

Pois si, así foi a xornada... non hai máis que a escenografía de Biblioquiroga hoxe, onde o alumnado de ESO e 1º de BAC fixo seu o Samaín lendo contos de medo.











Tamén fixemos oco para amosar na biblioteca unha selección de lecturas en relación co terror...

Non esquezades que estades a tempo para participar no concurso de microrrelatos de terror. O de decoración de cabazas aínda non ten gañador, animádevos!!!

24 de out. de 2017

A festa grande da biblioteca


Atención:
Hoxe conmemoramos por terceiro ano consecutivo o Día das Bibliotecas Escolares, de novo combinando música e palabras. Nesta ocasión estará con nós Xurxo Souto. 
O músico e escritor de Monte Alto visítanos para falar da historia do rock galego, da que forma parte como membro de Os Diplomáticos, un dos grupos máis representativos do Rock Bravú.
Ademais de himnos contemporáneos como "Gaiteiro" ou "Oda ao futbolín", puxeron música a poemas de Manuel María ou Celso Emilio Ferreiro e colaboraron con outros intérpretes e músicos como Mercedes Peón (Nordés).

Poñede ben a orella, amantes da música e dos libros!

4 de set. de 2017

Letras de Quiroga

O pasado 1 de agosto conmemorouse o Día da Galiza Mártir cunha serie de actos en Poio e Pontevedra. Este ano o premio homónimo recaeu no quirogués Xosé Estévez, residente en Euskal Herría e colaborador en numerosas iniciativas culturais na nosa comarca. Ese mesmo día recibiu tamén o Premio Manuel Murguía ao seu labor como historiador. 
É unha honra ter como membros honoríficos do noso club de lectura a Xosé e a súa dona, Maribel.
Aquí queda a imaxe da entrega do premio, da man Amalia Bóveda, e coa presenza do presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Uxío-Breogán Diéguez.


26 de xuño de 2017

Tempo de Manuel Valcárcel

O martes 30 de maio algúns alumnos e alumnas do IES de Quiroga puxemos rumbo a Monforte para ver unha proxección sobre un lugar próximo a nós: o Courel. A obra chamábase "Tempo" e abordaba distintos aspectos deste espazo xeográfico. Ao chegar a Monforte, xusto antes de ver o documental, o autor, Manuel Valcárcel, explicounos como chegara a gravar esta peza e o que o motivou a facelo. 
Un dos temas principais é o despoboamento e o envellecemento da poboación; en relación co anterior, facía referencia ao nacemento dunha nena en Froxán, o primeiro bebé nado alí en trinta anos.
"Tempo" tamén mostra os problemas medioambientais, e fala de actividades que prexudican o medio e aos traballadores que as realizan; as minas destrúen paisaxes e fan dano á poboación da zona (mesmo se vían exemplos concretos de enfermidade, como a silicose).
Outras informacións que aparecían tiñan que ver coas condicións de vida na actualidade no Courel.
Esta actividade resultou moi interesante porque a compartimos co alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel e algunhas familias que se achegaron a velo. 
Rubén López (3º da ESO) e Suso Manteiga
Deixamos aquí un enlace a un fragmento deste documental. Non deixedes de velo.

14 de xuño de 2017

Traballo ben feito... e recoñecido

Pois ben, a xeira deste ano de Escola de Prensa xa deu nome aos centros gañadores. Dende aquí felicitámolos a todos: ao CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei e ao CEIP Monseivane de Vilalba, na categoría de 5º e 6º de Primaria; ao CPR María Auxiliadora de Lugo, na categoría de 1º e 2º da ESO, e moi especialmente ao IES de Perdouro (Burela), un dos nosos rivais na categoría de 3º e 4º da ESO. Tamén van os nosos parabéns para outros centros con galardóns varios, e en xeral, para todos os participantes, que compartiron traballo e ilusións con nós.
Proximamente enlazaremos dende este blog o periódico que fixemos o equipo "O Eco do Val" do IES de Quiroga, que mereceu o premio á mellor contraportada; a nosa tarefa periodística tivo moito éxito na rede, onde se colgaron moitos artigos, e de calidade (como recoñeceu El Progreso na súa edición de hoxe, onde se informaba do fallo desta convocatoria).
O periodo que se aveciña parece un bo momento para ler o xornal, amodiño, sen présas...

6 de xuño de 2017

Artistas finalistas

Este ano a Casa Museo Manuel María lanzou a primeira convocatoria do Concurso de Videopoemas. Biblioquiroga animou ao alumnado a participar... e houbo quen o fixo, e ben.
Un dos videopoemas enviados quedou finalista: o que fixeron Marta Campos e Sara Casanova, de 1º de BAC a partir dos versos de "Quiroga, fáloche a ti..." de Manuel María.
Aló acudiron o día 20 de maio a Outeiro de Rei, á Casa de Hortas, e aínda que non resultaron gañadoras, foi unha xornada que non esqueceremos. 
A verdade é que a calidade dos traballos que chegaron á final era enorme, e sempre é unha honra estar entre os seleccionados.
Para o ano volvemos, ou?
Quirogues@s na visita posterior ao Museo
Foto das finalistas presentes na entrega de premios
Sara e Marta ante a Casa Museo

















(podedes ver o seu videopoema no noso facebook)


31 de maio de 2017

E fóisenos maio...

Outro mes de libros e lecturas que remata...
Pero tamén de escrita: o alumnado de 3º e 4º da ESO, que participaba na proposta Escola de Prensa do xornal lucense El Progreso, conseguiu rematar os seus artigos para enviar a tempo o periódico que elaboraron este curso; houbo que botarlles un cabo coa maquetación, que este é un mes moi duro para os/as estudantes....
E mentres, seguiron saíndo artigos feitos por esta rapazada na páxina web habilitada para colgalos (os dous últimos foron sobre a excursión de relixión e sobre a tradición musical desta comarca), e algúns tamén na edición impresa do devandito xornal, na sección dos sábados. Aquí quedan dous exemplos: