30 de xan. de 2018

Viñetas pola paz e obradoiro de ilustración... hum...

Como xa sabedes, hoxe conmemórase o Día da Paz; no IES de Quiroga, ademais celebramos, ao igual que se veu facendo os últimos anos, o Día da Ilustración.
Para iso teremos hoxe obradoiro de Manel Cráneo "Un paseo entre viñetas", por unha parte, e a proposta "Viñetas pola paz", por outra.
Tamén lembramos a Camilo Díaz Baliño

18 de xan. de 2018

Dúas grandes novas

A primeira: xa están publicadas as bases do Concurso de Disfraces Literarios que organiza a biblioteca, por terceiro ano (ide buscando as vosas personaxes e os vosos autores de referencia!).
A segunda: como saberedes, saímos no telexornal! A presentación da nosa edición de Las medias rojas na RAG, non merecía menos.


29 de dec. de 2017

As "nosas" publicacións

Ademais do habitual biblioletín (onde se da conta das últimas actividades e adquisicións da biblioteca e se propoñen lecturas para o Nadal), nestas datas temos outra publicación, feita en colaboración coa Casa Museo de Emilia Pardo Bazán: a versión ilustrada polo noso alumnado de "Las medias rojas".
Aproveitamos a saída do día 21 á Coruña (coa visita á exposición "A arte do cómic" e ao MAC) para presentar, no salón de actos da RAG, este caderno onde a palabra da autora coruñesa se fixo debuxo.
Grazas a todos e todas @s implicad@s en facer realidade estas páxinas!

Váisenos o 2017...

Como se nos foi o tempo este outono...
Queda aquí un pequeno recordatorio visual dalgunhas propostas da biblioteca neste trimestre que non debullamos máis polo miúdo noutra entrada:
- a mediados de outubro, conmemoramos o Día das Escritoras: o alumnado de 3º da ESO elaborou un mural sobre autoras inglesas contemporáneas, coa colaboración de Nelson, o seu titor e profesor de inglés:
- coincidindo coa celebración do magosto, o 10 de novembro, houbo lecturas "de outono"
- ao longo do mes de novembro montouse a exposición "A viaxe da ciencia" no corredor da planta baixa; dende mediados de outubro, no Departamento de Bioloxía xa se podía visitar unha sección expecífica sobre publicacións científicas antigas: exerceu de guía por esa parte da viaxe, o xefe deste departamento, José Espinosa.
- a finais de outubro a nosa exposición sobre Maruja Mallo comezou tamén unha aventura viaxeira, xa que lla emprestamos á biblioteca da EOI de Lugo: onde non chegamos, mandamos recado!

31 de out. de 2017

DE MEDO!!!

Pois si, así foi a xornada... non hai máis que a escenografía de Biblioquiroga hoxe, onde o alumnado de ESO e 1º de BAC fixo seu o Samaín lendo contos de medo.











Tamén fixemos oco para amosar na biblioteca unha selección de lecturas en relación co terror...

Non esquezades que estades a tempo para participar no concurso de microrrelatos de terror. O de decoración de cabazas aínda non ten gañador, animádevos!!!

24 de out. de 2017

A festa grande da biblioteca


Atención:
Hoxe conmemoramos por terceiro ano consecutivo o Día das Bibliotecas Escolares, de novo combinando música e palabras. Nesta ocasión estará con nós Xurxo Souto. 
O músico e escritor de Monte Alto visítanos para falar da historia do rock galego, da que forma parte como membro de Os Diplomáticos, un dos grupos máis representativos do Rock Bravú.
Ademais de himnos contemporáneos como "Gaiteiro" ou "Oda ao futbolín", puxeron música a poemas de Manuel María ou Celso Emilio Ferreiro e colaboraron con outros intérpretes e músicos como Mercedes Peón (Nordés).

Poñede ben a orella, amantes da música e dos libros!

4 de set. de 2017

Letras de Quiroga

O pasado 1 de agosto conmemorouse o Día da Galiza Mártir cunha serie de actos en Poio e Pontevedra. Este ano o premio homónimo recaeu no quirogués Xosé Estévez, residente en Euskal Herría e colaborador en numerosas iniciativas culturais na nosa comarca. Ese mesmo día recibiu tamén o Premio Manuel Murguía ao seu labor como historiador. 
É unha honra ter como membros honoríficos do noso club de lectura a Xosé e a súa dona, Maribel.
Aquí queda a imaxe da entrega do premio, da man Amalia Bóveda, e coa presenza do presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Uxío-Breogán Diéguez.