27 de out. de 2016

Intenso xoves de letras

Hoxe tivo lugar a entrega de premios ao alumnado gañador das Quinielas Lectoras (que por certo, estará convidado a asistir á proxima excursión do Club de Lectura a Outeiro de Rei) e aos alumnos/as que retiraron un maior número de libros desta biblioteca en préstamo (no curso 2015-2016). 
As autoras da imaxe de Castelao que agora loce nunha das portas da planta baixa, tamén obtiveron hoxe un novo recoñecemento: asinaron a súa obra, ao igual que a persoa que a coordinou, Patxi Jaureguízar. 
Estamos desexando saber cal vai ser a súa seguinte contribución nos espazos comúns do centro!!!!
E falando de presenzas literarias nos nosos corredores: Valle-Inclán comeza mañá a deixarse ver en múltiples imaxes na parede situada enfronte da biblioteca. A conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento é só a excusa para recrear esa figura que tan ben coñecemos tod@s.
A nova de que Pablo Auladell é o novo Premio Nacional de Cómic, non nos colleu sen saber quen é: entre os nosos fondos contamos con dúas obras ilustradas por el. Aquí vos quedan as portadas correspondentes.



18 de out. de 2016

Máis novas de biblioquiroga

Pois si. Vai dando ben que dicir este outono na nosa biblioteca: andamos a facer unha actividade en relación co Día das Escritoras, conmemoración que a Biblioteca Nacional promoveu este ano por primeira vez. Nós como sempre imos un pouco apurad@s de tempo, e por iso tedes toda a semana para achegarvos ao corredor da planta baixa, enfronte da biblioteca, para escribir na cartolina o nome dalgunha escritora coñecida. Non vale repetir... así que, a ler todos os nomes que xa hai..
E si, esta proposta fica xusto a carón do mural de caligramas de Rosalía, onde mellor!

O EDNL vén de convocar un concurso de relato curto de misterio co gallo do Samaín (e outro de decoración de cabazas). Acordádevos que o prazo máximo para a entrega é o 28 de outubro.
Outra cousiña máis: ide buscando tempo para curiosar O Papagaio...

3 de out. de 2016

Un bo comezo

Este ano comezamos o curso ao grande: coa entrega de premios ao alumnado que máis libros levou en préstamo ao longo do curso 2015-2016 (Emily González, Luís Arias e Sabela Durán) e tamén para os gañadores/as das Quinielas Lectoras do curso pasado. Para saber quen foron estes últimos, achegádevos ao taboleiro "Son noticia" do instituto: alí poderedes ver a resolución das enigmáticas Quinielas e os formularios con maior número de acertos, onde aparecen os nomes dos  e das participantes. En canto haxa data de entrega dos galardóns, xa avisamos.
Xa vos anticipo que a cousa andivo moi igualada, por iso hai un dobre primeiro premio, e un dobre segundo premio. Noraboa!!!
En breve comezaremos a proporvos novas actividades. Estade atent@s...

8 de ago. de 2016

O lugar ao que levan todos os camiños estes días

Aviso urxente a navegantes no mar das letras estivais e a amantes de calquera formato que combina imaxe e texto:

Este ano estarán na Coruña Rubén Pellejero (E, Juan Díaz Canales (Blacksad) e Xosé Tomás (Nómades), entre outros/as debuxantes.
Moi recomendables tamén as exposicións que asulagan a cidade con personaxes de cómic e novela gráfica...

12 de xul. de 2016

...deixa un rastro de palabras

Morreu Agustín Fernández Paz, o narrador galego que escribiu para todos os públicos, cunha traxectoria coherente na que mantivo unha actitude crítica cara a sociedade contemporánea en obras como Fantasmas de luz e rescatou a memoria de tempos durísimos con Noite de voraces sombras, por exemplo.
Obra súa foron O meu nome é Skywalker, Cartas do inverno, Aire negro, Corredores de sombra, Contos por palabras, Rapazas, Trece anos de Branca, Amor dos quince anos, Marilyn... 
E máis recentemente publicara relatos tan coñecidos como Non hai noite tan longa, Lúa do Senegal, A neve interminable, A viaxe de Gagarin, O único que queda é o amor.
E si, o único que queda é o amor, polas boas historias e polas persoas que fan as nosas vidas máis habitables, na realidade ou nun mundo de ilusión que crean para nós.
Xa sabedes onde podedes atopar a Agustín: latexando nas páxinas de todos os seus libros. Estanvos esperando na biblioteca.


9 de xuño de 2016

... quen se atreve con esta quiniela?

Tardaron en chegar, si. Foron adiándose, porque todo o mundo medía moito as súas recomendacións, pero por fin están á vista: na zona das escaleiras centrais na planta baixa, moi próximas ao recuncho Castelao, están as Quinielas Lectoras. Tedes ata o vindeiro martes para cubrir o modelo no que adxudicades as lecturas propostas por cadaquén ao autor/a correspondente.
Ánimo, algún libro seguro que xa vos imaxinades quen o leu... ou?


(non vos esquezades que podedes curiosear a maior parte deles na zona de exposición de libros)

26 de maio de 2016

outras letras?

Seguimos coa proposta "Abril de libros, maio de letras" en activo; aínda están pendentes as Quinielas Lectoras (logo van, logo van), pero xa tivo lugar o Festival das Letras, o 23 de maio. Estivo organizado por EDNL e contou coa colaboración da Biblioteca e a vicedirección do centro.
Aquí vos deixo un par de imaxes, unha correspondente ao resultado final das letras cervantinas, e outra na que está o alumnado de Investigación e Tratamento da Información realizando unha actividade de localización de datos concretos, aproveitando os carteis sobre Manuel María: