Por segundo ano consecutivo, Biblioquiroga, organizou o 2º concurso de bodegóns literarios nos cales está a traballar o alumnado da ESO e de 1º de bacharelato.
21 de abr. de 2026
Bodegóns literarios para celebrar o Día do Libro
16 de abr. de 2026
Visita da escritora Xulia Alonso
Desta vez, o club de lectura de adultos, elexiu o libro de Futuro Imperfecto , de Xulia Alonso. Despois da lectura, a escritora visitou o noso centro, no cal lle fixeron unha entrevista Anxo e Naiara, de 4º da ESO.
Xa pola tarde, tivo lugar un café literario entre o noso club e o club de lectura de Caurel. Xulia contou cada detalle da súa vida, deixando en cada un de nós unha gran lección que, sen lugar a dúbida, nos enriquecerá como persoas.
14 de abr. de 2026
O mundo das emocións
Onte vivimos unha xornada moi especial co alumnado de 1º da ESO, na que a titora e a orientadora puxeron en marcha unha actividade pensada para descubrir e explorar o apaixonante mundo das emocións.
A través dun xogo baseado en tarxetas de emocións —deseñadas como unha guía práctica para comprender o que sentimos—, o alumnado comezou a dar os primeiros pasos nun aspecto fundamental do seu desenvolvemento persoal: a educación emocional. Estas tarxetas permítenlles aprender a nomear cada emoción, identificar onde a senten no corpo e entender a importancia de transitalas con naturalidade. Porque as emocións forman parte da nosa natureza humana. Recoñecelas, sentilas e acollelas é clave para medrar con maior intelixencia emocional e, sobre todo, para fortalecer a confianza en si mesmos á hora de afrontar os desafíos da vida.
Durante a sesión traballouse a idea de que o primeiro paso para recoñecer as emocións, poñerlles nome e darlles espazo, entendendo que todas son necesarias e cumpren unha función importante. Ademais, exploráronse distintos tipos de emocións, organizadas en tres grandes grupos:
- As de alta intensidade, que provocan reaccións fortes no noso corpo e poden xerar respostas como fuxir ou loitar.
- As de baixo ton, que diminúen a nosa enerxía e nos levan a estados máis reflexivos ou con menos ganas de actuar.
- E as de alta frecuencia, que elevan a nosa enerxía e esperta en nós ganas de sorrir, saltar ou bailar.
A sesión foi moi dinámica, divertida e participativa. A través da mímica, a imitación e pequenas representacións teatrais en grupo, o alumnado deu vida a emocións como o medo, a tristura, a alegría, os celos ou a sorpresa, aprendendo dun xeito vivencial e significativo.
Esta actividade terá continuidade nunha segunda sesión, na que seguiremos afondando no traballo coas emocións a través do xogo "Tarxetas de emocións: unha guía práctica para ensinar as emocións".
Sen dúbida, unha experiencia enriquecedora que sementa as bases para un desenvolvemento emocional saudable e consciente.
7 de abr. de 2026
Aberto o prazo das Becas MEC para o curso 2026/27
Publicada a convocatoria das becas de carácter xeral para o curso 2026/27, dirixidas ao alumnado que vaia cursar estudos postobrigatorios.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto do 7 de abril ao 18 de maio ás 15:00 horas, ambos os dous días incluídos.
A solicitude debe realizarse exclusivamente por vía electrónica, a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.
É imprescindible que o alumnado: realice o rexistro na sede electrónica (na primeira solicitude), e conserve as claves de acceso, xa que serán necesarias para facer a solicitude e consultar o expediente durante todo o proceso.
Antes de enviar a solicitude, cómpre ter en conta os seguintes aspectos:
- O correo electrónico indicado debe ser correcto e estar operativo durante todo o proceso, xa que será a vía para recibir notificacións, requirimentos e resolucións.
- A conta bancaria facilitada debe ter ao/á estudante como titular ou cotitular.
- A solicitude só quedará presentada cando se poida xerar o xustificante de presentación, documento que se recomenda gardar.
- É importante revisar se se require documentación adicional (padrón, sentenzas ou outra documentación xustificativa) e achegala canto antes.
A fase inicial adoita rematar a mediados de xullo. Posteriormente, cruzaranse os datos económicos co Ministerio de Facenda e, ao longo do verán, comunicarase se se cumpren os requisitos económicos.
Recoméndase:
- consultar con frecuencia o correo electrónico,
- revisar tamén a carpeta de spam,
- acceder periodicamente ao expediente coa clave persoal.
No mes de setembro abrirase un prazo para:
- presentar alegacións,
- modificar datos académicos,
- actualizar a residencia,
- cambiar a conta bancaria.
Para a concesión da beca será necesario cumprir os requisitos establecidos na convocatoria.
Entre os máis destacados:
- En 1º e 2º de Bacharelato, só se permite un suspenso para manter a beca.
- Se o alumno ou alumna está repetindo curso, non se admite ningún suspenso.
- En FP, será necesario matricularse dun mínimo de 500 horas e ter superado, con carácter xeral, o 85 % da carga horaria do curso anterior.
Unha vez concedida, é fundamental cumprir os seguintes compromisos:
- asistencia regular ás clases,
- non causar baixa antes de finalizar o curso,
- aprobar, como mínimo, o 50 % das materias, créditos ou horas.
En caso de abandonar os estudos, recoméndase presentar a renuncia á beca canto antes.
Para máis información, pódese consultar a páxina oficial do Ministerio e a UT Becas Lugo no caso de estudos non universitarios na provincia.
Enlace o acceso á tramitación na sede electrónica do Ministerio:
https://www.educacionfpydeportes.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050130/ficha/050130-2026.html
26 de mar. de 2026
Saída cultural a París
Entre os días 16 e 20 de marzo, o alumnado de 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato que cursa francés, viaxou a París para coñecer a súa cultura e tradicións. Visitaron todos e cada un dos monumentos máis emblemáticos (Torre Eiffel, Museo do Louvre, Arco do Triunfo, Catedral de Notre Dame, Palacio da Ópera...), así como prazas e paseo en barco pola Sena. Achegáronse tamén ata Versalles e, por suposto, a Disneyland París. Foi unha saída espectacular organizada polo departamento de francés.
18 de mar. de 2026
Ficha 4 do Quérote+: O amor romántico
No marco do Plan Proxecta: Quérote+, o alumnado de 3º da ESO está a traballar durante estas semanas a temática do amor romántico a través de diferentes actividades desenvolvidas na materia de Lingua Castelá e Literatura, en colaboración co Departamento de Orientación. Esta proposta permite abordar o tema de maneira transversal, promovendo a reflexión e o debate arredor das relacións afectivas e das mensaxes que a sociedade transmite sobre o amor.
A través de diferentes actividades en grupo, o alumnado reflexiona sobre algúns dos mitos máis estendidos arredor do amor —como a idea da “media laranxa”, que o amor verdadeiro debe durar para sempre ou que nas parellas non debe haber conflitos—. O obxectivo é analizar estas crenzas, cuestionar se son realistas e pensar en alternativas máis saudables.
Con este traballo búscase promover unha visión máis crítica e diversa do amor, fomentando relacións baseadas no respecto, na igualdade e no bo trato.

.jpeg)
.jpeg)


.jpeg)
.jpg)




.jpeg)